Sunday 28 de April de 2024

A Xunta participa en Santander na reunión que aborda a ampliación da macrorrexión resoe coa adhesión de Cantabria


A Administración galega é unha firme defensora de que as distintas rexións se asocien para deseñar fórmulas de cooperación que redunden nunha maior eficacia e competitividade

Representantes da Xunta de Galicia, das Rexións Norte e Centro de Portugal, de Castela e León e de Asturias reuníronse hoxe en Santander abordar a adhesión de Cantrabria á Macrorrexión de Rexións do Suroeste de Europa (RESOE). A Administración galega é unha firme defensora de que as distintas rexións se asocien para deseñar fórmulas de cooperación que redunden nunha maior eficacia e competitividade.

Galicia, que lidera o grupo de traballo de Educación, Universidades e I+D+I dentro da Macrorrexión RESOE, considera que a solicitude de incorporación de Cantabria estende e consolida o ámbito de cooperación interrexional ao tempo que abre novas liñas de acción conxunta que incidirán de xeito positivo na realización de proxectos conxuntos nesta área xeográfica. Está previsto que esta ampliación se faga efectiva próximamente nun acto institucional cos presidentes das seis rexións implicadas.

A Macrorrexión de Rexións do Suroeste de Europa (RESOE) -da que xa forman parte Galicia, Asturias, Castela e León, o Centro e o Norte de Portugal- naceu como unha alianza estratéxica de cooperación que ten como principal obxectivo aproveitar as sinerxías interrexionais en prol do crecemento económico, da innovación e da competitividade para ser máis fortes en Europa. Con esta nova incorporación de Cantabria consolidarase unha área de expansión económica a partires da colaboración institucional, do deseño de políticas públicas eficientes e da eficacia no uso dos recursos.

Galicia e Castela e León comparte coa Rexións Norte e Centro de Portugal unha longa tradición de veciñanza e cooperación transfronteiriza. Doutra banda, aínda que é certo que Asturias, e agora Cantabria, non comparten esta fronteira, forman unha continuidade territorial harmónica e natural, bordeada polo Atlántico, dando a RESOE unha coherencia territorial e xeográfica, que dá á súa vez como resultado un conxunto de intereses e problemática comúns.